domingo, 28 de enero de 2018

VISITA DO ALUMNADO DE 2º ESO A COMPOSTELA

Os alumnos de Segundo de ESO saímos de excursión o luns 15 para visitar Compostela. O programa incluía unha visita ás cubertas da Catedral, percorrido polo exterior e interior do magnífico edificio e despois tiñamos unha actividade sorpresa. A visita ás cubertas foi moi espectacular polas fantásticas vistas da cidade e moi didáctica polas explicacións da nosa guía que o sabía todo sobre historias de arcebispos e construtores de catedrais. As 130 escaleiras non nos pareceron tantas e, despois dunha hora de percorrido, por fin rematou a misa e puidemos visitar o interior. Os rapaces querían visitar as reliquias que uns pensaban de Santiago e outros de Prisciliano. Percorremos o interior, sobre todo vendo as capelas da ábsida e a Capela da Corticela. Con isto e a visita polas fachadas exteriores, rematamos a parte da Catedral e comeza a actividade sorpresa.


Os rapaces, divididos en grupos aleatorios, tiñan que buscar diferentes lugares no casco antigo de Compostela. Axudados pola tecnoloxía realizamos unha busca de lugares. Cunha aplicación de móbil onde, nun plano da cidade, se marcaban os diferentes puntos que tiñan que atopar e dentro de cada punto información e pistas sobre o que buscaban, os rapaces partiron cara a aventura. Tiñan que localizar 7 puntos da cidade e, en cada un, facer un selfi onde saíran todos os integrantes do grupo. Namentres as profesoras fomos indo dun punto a outro vendo como os diferentes grupos se apañaban entre o móbil, o plano e as preguntas que lles ían facendo aos turistas e composteláns.


Fixérono de marabilla e todos eles puxeron moito empeño na tarefa, de maneira que nos pareceu un xeito divertido de aprender un montón sobre Compostela e de cooperar en grupo, porque todos os grupos traballaron moi ben xuntos, e tamén un bo exercicio de orientación sobre o plano. Rematamos cansos e chegou a hora de xantar. Tiñan diferentes opcións, algúns levaron a comida e xantaron na Alameda onde tiñan un lugar estupendo; outros optaron polo equilibrado menú do Burguer King ou unha Pizza. Todos comemos a presa porque o tempo fíxose pouco e xa tocaba volver a casa . Ás profesoras o resultado pareceunos moi positivo, os rapaces tiveron un estupendo comportamento, aprenderon un montón de cousas sobre Compostela e ademais pasaron un día moi divertido todos xuntos.

Aquí vos deixamos unha reportaxe fotográfica da xornada


No hay comentarios: